QUE DEIXEN DE INTOXICAR

Comando Cultural Os Rabiscos

CULTURA SI, MAUSOLEO NON

redondoabuin

 

Xesús Redondo Abuín

O que quero dicir quero dicilo por escrito. Por dúas razóns importantísimas. Unha. Porque falar pouco é máis difícil que falar moito. Dúas. Porque quero que se saiba que son palabras pensadas e non palabras ditas ó tun tun. E direino con toda a cortesía do mundo, e algo máis se é preciso, pero clariño.

A cultura dun pobo non se cultiva nun escaparate colosal instalado no curuto dunha montaña. A cultura seméntase no día a día colectivo. E a fonte principal da colleita cultural é o traballo. Desde o máis rudimentario ó máis cualificado ¡Ollo! Estou falando cuspidiño a como falaban as autoridades de agora contra as de antes. O que pasa é que as actuais autoridades, onde antes dicían ¡xo! agora din ¡arre! Claro, antes andaban no que lle cadraba e agora andan en Audi.

artigo redondo abuin

O primeiriño que fixeron as novas autoridades ó chegar a San Caetano foi presentarse ante o erario nacional, preguntarlle ¿que hai do noso?, asignarse salario millonario; e a maiores, asignarse un aguinaldo vitalicio de 15.000 euros, que é máis que a media salarial dos Fuco Buxán da nación de Breogán ¡Ben se ve que as novas autoridades alentan por onde alentaban as de antes! Que deixen de intoxicar as autoridades. As de agora e as de antes. Que cando non parecen curmáns, parecen irmáns.

Que deixen de intoxicar e tamén de apurrarnos os cans de seu amo, subvencionados tamén polo erario nacional.

Que deixen de intoxicar. E de denigrar. E de mentir. Nós non pedimos que entren as piquetas no Gaiás. Pedimos que nos aclaren que están facendo cos nosos cartos. Que é o mesmo que pedían as autoridades actuais cando eran aspirantes a ser autoridades. Os que cambiaron de partitura foron eles. Nós non tocamos partitura distinta á que eles mesmos tocaban.

Que deixen de intoxicar. E tamén de apurrarnos os cans de seu amo, subvencionados tamén polo erario n

 

acional. Que deixen de intoxicar. E de falsear os nosos postulados. Nós non estamos contra a cultura. A cultura abre os ollos e nós queremos que a nación de Breogán abra canto antes e para sempre os ollos de par en par. Queremos saber a onde vai e para que sirve cada euro que gastan no Gaiás. Que están gastando euros do erario nacional. Que non están gastando euros da súa propiedade. E están gastando unha burrada. Daría para facer non poucas cousas en non poucas partes que están en precario. E volvo á carga.

artigo redondo abuin

A cultura non se fai con fantasías galácticas. Faise pé da realidade ordinaria. Con boas escolas infantís. Con boas escolas primarias. Con bos institutos. Con boas universidades. Con bos museos. Con bos transportes e rápidos. Con bos centros de saúde. Con bos hospitais. Con boas instalacións deportivas. E con alimentación san e suficiente para todos os Fuco Buxán. Que son non poucos os que non teñen de nada. Máis feitos e menos propaganda. A cultura ou nace no día a día colectivo dos pobos ou non nace. E o día a día colectivo do Fogar de Breogán ten lugar ó longo e ancho dos 315 concellos diseminados polo mapa adiante.

O do Gaiás a nós parécenos poñer o carro diante do gando. Tamén ás actuais autoridades llo parecía antes. Agora non. Agora cambiaron ¿Por que será? Co gando á rabela do arado non se labra. E nós queremos labrar. Nin queremos que as silvas volvan a colonizar por enteiro o Gaiás nin que no Gaiás fagan as Américas un puñado de aproveitados. O que esiximos é que rendan contas do gastado e que nos aclaren a onde vai e para que sirve cada euro que gasten. Nada máis. Que é o que as actuais autoridades pedían cando eran aspirantes a ser autoridades.

Nós nin orixinais fomos á hora de denominarnos. Foron eles os que empezaron a chamarlle a aquilo mausoleo faraónico. E cando digo eles digo Lola Villarino, presidenta do Parlamento; Emilio Pérez, presidente do bigoberno; Anxo Quintana, vicepresidente; e os demais; e todos os demais. Que volvan ó rego. Que deixen de apurrar contra nós os cans de seu amo. Que deixen de intoxicar.